Tuesday 21 de May de 2024

Os Mercados Ecolóxicos Municipais volven este domingo 14 á praza da Tolerancia, con vinte postos de venda, xogos infantís e actividades culturais


A programación prevista, que terá lugar entre as 10.00 e as 15.00 horas, inclúe intercambios de libros e obradoiros creativos para os máis pequenos e pequenas, en clave de concienciación medioambiental

O Concello da Coruña promove esta fin de semana unha nova edición dos Mercados Ecolóxicos Municipais, que volven á praza da Tolerancia, no barrio de Labañou. Será este domingo 14, de 10.00 a 15.00 horas.

Está confirmada a presenza de máis de 20 firmas asociadas a comercios e produtores de proximidade, que habilitarán os seus postos de venda ao longo da mañá. Todas as propostas que estarán á disposición das persoas asistentes van en sintonía cos principios básicos de economía circular e compra sostible promovidos polo Goberno de Inés Rey, que aposta pola reutilización, reciclaxe e redución do consumo de recursos para contribuír a diminuír a contaminación ambiental e mitigar o impacto do cambio climático.

Ademais, entre as 10.00 e as 15.00 horas haberá actividades para todos os públicos, e, especialmente, para os máis pequenos. A xornada abrirase cun intercambio de libros que acompañará á posta en marcha dun espazo infantil, que se prolongará durante toda a mañá.

Xa ás 11.30 comezará un obradoiro creativo no que as nenas e nenos aprenderán a crear pulseiras.

Posteriormente, ás 12.00 horas, impartirase un coloquio informativo sobre literatura de proximidade, que impartirán os autores Juan José Lada e Isabel Ramos Breijo. Finalmente, ás 13.00 horas, como peche, as persoas asistentes poderán gozar da intervención artística ‘Arte do residuo’.

O cronograma da programación completa é o seguinte:
● De 10.00 a 15.00 horas: Intercambio de libros.
● De 10.00 a 15.00 horas: Espazo infantil.
● De 11.30 a 12.30 horas: Obradoiro infantil de pulseiras.
● De 12.00 a 12.45 horas: Ciclo ‘Literatura de proximidade’.
● De 13.00 a 14.00 horas: Intervención artística ‘Arte do residuo’.

Así funciona o formato rotatorio dos mercados ecolóxicos municipais

Co fin de poder ofrecer e expandir os produtos ecolóxicos e de orixe ética e local ao maior número de persoas, o Concello está a dar continuidade ao novo formato rotatorio dos Mercados Ecolóxicos Municipais, que estenderá este evento polos diversos barrios da cidade nos vindeiros meses.

A outra gran novidade deste formato dos Mercados Ecolóxicos Municipais é a súa realización todas as fins de semana do mes: o primeiro e o terceiro domingo, no Campo da Leña, e o segundo domingo de cada mes na praza da Tolerancia, en Labañou. Xa o último domingo do mes, o mercado irá rotando por distintos barrios, como Novo Mesoiro o Parque Europa de Catro Camiños e a praza de San Cristovo, nos Mallos.

Neste sentido, hai dúas modalidades de mercado: o mercado ecolóxico, que é o que se realiza no Campo da Leña, e o mercado de compra sostible, correspondente ao da praza da Tolerancia e outros lugares. Os mercados do Campo da Leña están especializados en produtos ecolóxicos, que acreditan criterios éticos e sostibles na súa produción, elaboración ou materias primas. Os mercados na praza da Tolerancia, e outras localizacións, fomentan a economía circular e a compra responsable, aplicando a regra dos 4R. O obxectivo é poder ofrecer o maior número de produtos de economía sostible e actividades paralelas como obradoiros, concertos e actividades para a xente máis pequena.

Todos os mercados se realizarán no mesmo horario, de 10.00 a 15.00 horas. A este respecto, a información relativa a cada unha das sesións que se realizan pódense atopar nas redes sociais do mercado (@mercaecocoruna) e nas do Concello da Coruña.